Burgo das Nacións Aula Verde Biblioteca Deportes Informática Sociocultura
Internacionalización | Burgo das Nacións: Receita: Orellas de Entroido

20 de feb. de 2013

Receita: Orellas de Entroido


Ingredientes (para 3 pratos cheos, como os da imaxe de riba):
  • 400g de fariña
  • 1 vasiño de leite
  • 1 ovo
  • 8 culleradas de aceite
  • 1 sobre de levedura en po
  • Pela dunha laranxa
  • Un vasiño de anís
  • Azucre para esparexer

Preparación:

Tempo: ~1h
Dificultade: Baixa

1. Facemos un volcán de fariña e engadimos o ovo.


2. Amasamos e imos engadindo o resto dos ingredientes. Primeiro a levedura, para que xa vaia levedando a masa conforme a imos facendo. Logo despois o leite, o aceite e o anís (a botelliña de auga da foto é o anís).


3. Amasamos ben todo até crearmos unha masa compacta. Se vemos que a masa é moi suave, engadimos un pouco máis de fariña (no caso de usar levedura fresca en vez de levedura en po haberá que deixar repousar a masa uns 45 minutos despois de amasala).



4. Pomos o aceite na tixola a aquecer mentres estiramos a masa cun rolo.


5. Unha vez temos a masa fina recortamos anacos en forma de triángulo.


6. Pomos os triángulos na tixola coas pelas da laranxa que se irán substituíndo segundo se vaian queimando. As pelas evitan que teñamos que trocar o aceite logo de fritir unha poucas orellas.


7. Finalmente empratamos e esparexemos azucre por riba. E xa está, listas para comer!